VEDREA é un termo que expresa dinamismo, identidade, solidariedade, sinerxia…
Ante esta situación de emerxencia, xurde esta iniciativa sociocultural baixo a idea de poñer en valor “quen somos” e “o que somos capaces de facer” de forma colectiva.
Pois sí, somos un concello cunha veciñanza activa, con asociacións con proxectos de interese… pero sobre todo con xente con moitas ideas que agardan o momento de darlle vida e de compartilas.
Ese momento chegou, e convidámosvos a participar neste laboratorio social no que pretendemos xerar un espazo de encontro, de cultura, de creación, de solidariedade e de recuperación “do noso”.
Esta proposta estará dinamizada desde a acción de voluntariado.
O Proxecto Vedrea sostense en 3 actividades:
• BANCO DE RECURSOS COMPARTIDOS
• MAPA EMOCIONAL DE VEDRA
• DE VEDRA NO MUNDO
E se compartimos recursos para facer máis levadeiro o tempo que debemos quedar na casa?, e se aproveitamos ese tempo en clave educativa e cultural?
Esta é a base do “Banco de recursos compartidos”. Un espazo para poñer en valor e para aproveitar tanto os recursos municipais, como os asociativos e mesmo os individuais.
Que hai que facer?
A quen vai dirixido?
Ao publico en xeral, especialmente á cativada e ás súas familias.
Onde se vai a difundir?
Neste mesmo espazo web.
Que características deben ter as propostas?
Se son vídeos, que non teñan unha duración superior a 5 minutos.
Se son documentos, a extensión é libre.
A onde as enviamos?
Enviade as vosas propostas ao seguinte correo electrónico: brcvedrea@gmail.com. Cada recurso que se envíe debe de estar acompañado pola ficha que se xunta e a autorización para a súa publicación.
Queremos crear un mapa emocional do concello. Os mapas emocionais son ferramentas para “comprenderse” (de onde vimos, onde estamos, cara onde vamos). Nel recóllense emocións, sentimentos…
As imaxes-fotografías teñen un potencial enorme, por iso a nosa proposta xira entorno a artellar unha recollida de fotografías anteriores ao ano 2000, e á creación dun arquivo para a construción dun mapa emocional de todo o municipio.
Nestes días que estamos na casa, e no que o tempo é case todo noso, propoñemos que rebusquedes nos “caixóns e nos álbumes” e que compartades “momentos familiares para o recordo”. Neste proceso seleccionade fotografías que teñan que ver coa vida cotía da veciñanza vedresa: festas, entroido, escola, familias, traballos, deportes, celebracións… Unha vez elexidas as fotografías máis representativas, escaneádeas e compartídeas, enviándoas ao seguinte correo electrónico: vedraemocional@gmail.com.
Cada fotografía que se envíe debe de estar acompañado pola ficha que se xunta e a autorización para a súa publicación.
O paso seguinte, será organizar todo este material, arquivalo e darlle o formato oportuno para a súa difusión.
Aproveitemos este momento para “recoñecernos no pasado”, e para compartilo coas xeracións máis novas, tanto no ámbito das casas, como no marco do concello!
O obxectivo desta proposta é visibilizar ata onde chegou a xente de Vedra no mundo!; tanto de viaxe, como de excursión, por traballo (puntual), emigrada, estudos-formación, outras…
Para iso, envía unha foto identificando a persoa ou persoas e o lugar (elemento simbólico, cidade-sitio, país….) a devedranomundo@gmail.com. Debe de estar acompañada pola ficha que se xunta e a autorización para a súa publicación.
Ti sabes ata onde chegou a xente de Vedra?, quen chegou máis lonxe?, a que países?, estivemos en tódolos continentes?
Aquí temos unha boa maneira de saber máis de nós!. Ata que parte do mundo levamos a Vedra?